Thursday 09 de May de 2024

O Obradoiro de Emprego “Senda da Natureza” amplía as expectativas laborais de 20 mozos que están a recuperar unha senda circular na contorna de Ferrol


O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou aos alumnos e comprobou os traballos que están a desenrolar ente A Malata, Chamorro e Valón

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou aos participantes no obradoiro de emprego Senda da Natureza, organizado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria. O obradoiro conta con 20 alumnos-traballadores e catro profesionais que desenvolven a súa actividade como monitores, director e persoal administrativo. A Xunta destina a este obradoiro, enmarcado no programa de Garantía Xuvenil, máis de 130.000 euros.

O proxecto formativo actúa na posta en valor dos recursos paisaxísticos, históricos e naturais dunha ruta de sendeirismo circular situada no Concello de Ferrol, co fin último de reforzar o fomento do turismo de natureza. En concreto, os alumnos traballan nun treito duns dez quilómetros, que ten comezo e remate na Malata, e pasa por Chamorro, Valón e A Cabana. O obradoiro forma aos rapaces nas especialidades de interpretación e educación ambiental, e de guía por itinerarios de baixa e media montaña. As tarefas inclúen o deseño e marcación da ruta circular, establecemento dun itinerario interpretativo da ruta, inventario e posta en valor dos recursos presentes na ruta, a caracterización, estudo e proposta da ruta circular, varias campañas de difusión ambiental, e mesmo o deseño, reprantexo e instalación de elementos de conservación da natureza.

Rodeiro destacou estes programas mixtos de formación e emprego porque “aportan unha formación eminentemente práctica” ao tempo que son “unha oportunidade para as persoas que se atopan nunha situación de desemprego”. Con estes obradoiros a Xunta pretende ampliar as oportunidades laborais das persoas con dificultades para o acceso ao mercado de traballo. Ao remate do obradoiro tanto a experiencia formativa como a actividade laboral desenvolvida polos beneficiarios seranlles acreditadas cun certificado de profesionalidade, plenamente vixente e oficial.

Ovidio Rodeiro lembrou que o DOG ven de publicar as bases reguladoras das axudas para os obradoiros de emprego para este ano. Os proxectos que se financien ao abeiro desta convocatoria poden ser promovidos por entidades locais ou entidades públicas dependentes ou vinculadas a unha Administración local, cuxa titularidade corresponda integramente a esta. O prazo de presentación de solicitudes, xa aberto, é dun mes.

Os obradoiros de emprego configúranse como programas mixtos de emprego e formación que teñen por finalidade mellorar a ocupabilidade das persoas desempregadas maiores de de dezaoito anos, mediante a realización de obras ou a prestación de servizos de interese xeral e social. Buscan que os alumnos participantes realicen un traballo efectivo que, xunto coa formación correspondente, procure a súa cualificación profesional e favoreza a súa posterior inserción laboral no mercado de traballo.

O importe total da convocatoria achégase aos 16,5 millóns de euros. Nos vindeiros días está prevista a publicación da Orde dos obradoiros de garantía xuvenil, cunha dotación de catro millóns. En total, a Consellería de Economía, Emprego e Industria consigna 20,5 millóns de euros a este capítulo nos vindeiros dous anos.

Rodeiro destacou estes programas porque “aportan unha formación eminentemente práctica” ao tempo que son “unha oportunidade para as persoas que se atopan nunha situación de dificultades para acceder ao mundo laboral”. Con estes obradoiros a Xunta da resposta ao seu compromiso de impulsar mecanismos para loitar contra o desemprego coa formación como ferramenta fundamental. Ao remate do obradoiro, previsto para o 28 deste mes, tanto a experiencia formativa como a actividade laboral desenvolvida polos alumnos-traballadores seranlles acreditadas cun certificado de profesionalidade, plenamente vixente e oficial.

O delegado territorial lembrou que na convocatoria de 2016 na provincia se puxeron en marcha 24 obradoiros de emprego e oito de Garantía Xuvenil, para menores de 30 anos, sumando 600 beneficiarios e cun investimento de máis de 5,3 millóns de euros. Rodeiro lembrou que, no conxunto da provincia, foron 72 concellos os que ao longo dos últimos meses desenvolveron ou están a desenvolver algunha destas iniciativas. Esta actuación forma parte da Axenda 20 para o Emprego, a folla de ruta do Goberno galego en materia laboral, coa que se prevé crear 80.000 postos de traballo ata 2020.